Sendegal, unha nova guía de sendeirismo de Galicia para o iPhone

xoves, 20 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A pasada noite foi toda unha sorpresa o lanzamento de Pandeireta PRO, pero non é o único produto de Taptil que veu a luz na App Store nas últimas horas, senón que tamén está xa dispoñible a aplicación para iPhone e iPod Touch Sendegal, unha guía móbil desenvolvida para Turgalicia que recolle sendeiros oficialmente homologados de Galicia que convidan a percorrer durante xornadas de sendeirismo. Cada ruta inclúe o seu respectivo plano (que pode descargarse na memoria do teléfono para a súa consulta fóra de liña) e que, se temos activado o GPS, poderemos seguir sen dificultade.
As rutas poden localizarse a través dunha listaxe ou do mapa, e inclúen información sobre a súa dificultade, lonxitude, tempo estimado en percorrerse, como chegar, percorrido, fotografías e outros datos de interese.
A aplicación tamén inclúe consellos sobre o sendeirismo, sección na que explican a sinalización empregada e o sistema M.I.D.E. (que sirve para valorar as esixencias técnicas e físicas dos percorridos). Esta ferramenta móbil está dispoñible en español, galego e inglés.

PUBLICIDADE