Seis firmas galegas acoden á feira IBC de Amsterdam sobre medios electrónicos e audiovisual

mércores, 5 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O IBC, o mercado internacional europeo dos medios electrónicos e escaparate de primeira liña sobre a innovación aplicada aos novos xeitos de comunicármonos (o amplo terreo de colaboración no que se asentan, cada vez máis, novas tecnoloxías e audiovisuais) contará na súa edición 2012 cunha máis que ampla representación galega. Así nolo conta o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), que participará dende este xoves, até o vindeiro 11 de setembro, a través das empresas Arantia 2010, Cinfo, CTV, Gallega de Circuitos Electrónicos, Ingeniería de Sistemas de Funcionamiento e Voz Audiovisual. A cita é en Amsterdam e ao seu abeiro as firmas galegas promoverán os seus produtos e servizos perante a industria mundial dos medios de comunicación electrónicos, sinala o CLAG.
A asistencia a este mercado, engade, está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través dun convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para elevar o nivel de internacionalización das empresas do sector, vixente dende o ano 2010. Lembrar que o convenio de colaboración entre o IGAPE e o CLAG contempla aínda outras accións para este ano como a asistencia aos mercados Cartoon Forum e MIPCOM. A presenza dos selos galegos en Amsterdam e nos outros eventos devanditos permitiralles “crear novas oportunidades de negocio e coñecer de primeira man as tendencias e innovacións no eido dos medios electrónicos”.
Segundo informa o Cluster co fin de que nos fagamos unha idea da importancia de encontros profesionais como o IBC, trátase esta dunha das citas máis importantes no almanaque para a industria mundial dos medios audiovisuais. Neste 2012 prevese que participen na principal conferencia e exposición anual dos medios electrónicos máis de 50.000 profesionais do devandito sector da comunicación dixital e do lecer.

PUBLICIDADE