Seis concellos de Pontevedra comezan a integrar a solución provincial de eAdministración

venres, 23 de decembro do 2016 Redacción

Os concellos de Agolada, Cerdedo-Cotobade, Pontecesures, Cangas, Cambados e Mondariz serán os primeiros en implantar a solución de Administración Electrónica da Deputación de Pontevedra, un servizo que foi presentado o pasado mes de novembro e que se dirixe a dar “cobertura” a termos municipais de menos de 50.000 habitantes, incluíndo, amais da implantación en si mesma, o seu uso e o seu soporte. A iniciativa, posta en marcha pola entidade provincial para “dar cumprimento á lexislación vixente relativa ao acceso electrónico da cidadanía ás actuacións públicas”, xa comezou a integrarse en Agolada. Logo será a quenda de Cerdedo-Cotobade (27 de decembro), Pontecesures (28 de decembro), Cangas (2 de xaneiro de 2017), Cambados (3 de xaneiro de 2017) e Mondariz (9 de xaneiro de 2017).
O proxecto de eAdministración da Deputación, que ten un orzamento de 847.000 euros, procura facilitar que os concellos que non contan cos recursos de abondo poidan afianzarse na plena modernización tecnolóxica. Segundo informou estes días a entidade provincial, dende a posta en marcha da iniciativa “xa foron varios os consistorios que se puxeron en contacto coa Deputación de Pontevedra para solicitar esta subministración, incluída no marco das competencias que a Lei de réxime local concede ás institucións provinciais”.
A través desta actuación a Deputación de Pontevedra impulsará solucións de Administración Electrónica para que os concellos dispoñan dunha sede electrónica personalizada para relacionarse coa cidadanía e, por outra banda, un portal para que o persoal da Administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos. Con este recurso, engade a institución que preside Carmela Silva, “poderase consultar un catálogo de servizos electrónicos de trámites, consultas de expedientes ou procedementos que se poden iniciar de forma telemática e presentar no rexistro electrónico sen necesidade de realizar un desprazamento presencial ás administracións”.

PUBLICIDADE