Segundo avanza IBM, os computadores poderán ler o pensamento nun prazo de cinco anos

martes, 20 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Os computadores, nun prazo relativamente breve de tempo, poderán ler o noso pensamento. Isto, un agoiro de IBM, poderá ter moitas consecuencias positivas para o noso desenvolvemento, aínda que tendo en conta parámetros sobre os nosos gustos e inquietudes como os relativos aos programas máis vistos da televisión, é probable que desemboque, para comezar, en moito tempo libre para os computadores. Bromas aparte e segundo avanza IBM no blog asmarterplanet.com e e en medios españois como El País, a lectura da nosa actividade intelectual poderá ser posible grazas ao rexistro dos procesos eléctricos do noso cerebro a través das máis innovadoras tecnoloxías.
A idea é moito máis positiva do que parece, xa que tería unha gran potencialidade nas persoas con diversidades funcionais ou motrices, persoas dependentes ou en proceso de rehabilitación que, a través de sinapsis eléctricas naturais recollidas e interpretadas por equipamentos informáticos, poderán levar a cabo labores como facer unha chamada de teléfono ou ben avanzar no seu camiño cara a recuperación. A predición de IBM, que se acompaña dun escenario futuro onde carrexaremos sensores e programas que saiban interpretar os datos cerebrais, forma parte da tradicional achega de prognósticos de cada fin de ano. No caso de IBM, o anterior agoiro complétase con outros catro, todos eles cun maior ou menor alicerce de optimismo: a cidadanía producirá electricidade por si mesma (cousa que xa está a ver en determinadas cidades europeas, onde a xente crea luz mentres camiña sobre chans adaptados a aproveitar movemento), xa non serán precisos contrasinais para acceder a programas e sistemas (a través de tecnoloxías biométricas como a lectura do iris), a fenda dixital desaparecerá e o correo lixo converterase, por fin, en información prioritaria. Todas estas predicións están xa na rede con cadanseu vídeo explicativo, podéndose votar, no devandito blog, polas predicións que máis nos gusten.

PUBLICIDADE