Segue a medrar con paso firme a penetración en España dos smartphones

xoves, 2 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

A crise segue a facer estragos, pero unha serie de nichos de actividade ligados ás TIC seguen a ficar intactos ou mesmo crecendo e mellorando. Isto pode verse polas malas pero tamén polas boas: como un xeito de amosar, unha vez máis, que unha parte da crise non veu motivada por ter apostado quen tiña cartos por innovación tecnolóxica, senón por actividades que xa levaban dentro delas a data de caducidade: construción a esgalla, bonos lixo, especulación e demais. Leas aparte, esta semana chegounos á redacción un gráfico que certifica o bo estado de saúde dos smarthpones en España. Este crecemento aparece exposto vía Google Our Mobile Planet, unha ferramenta que mide dende hai 2 anos a suba destes trebellos no mundo.
En virtude desta aplicación, podemos tomarlle o pulso aos países máis machucados pola crise por comprobar se é certo esa máxima de que non hai quen poida (polo menos polo de agora) cos trebellos, as redes de demais. No caso de España, vese claramente na gráfica de penetración que os aparellos intelixentes baten forte entre as novas xeracións (18-29), homes sobre todo, cunha porcentaxe dos mesmos do 64% tendo entre mans un destes trebellos, en 2012, e fronte ao 59% do ano anterior. No que respecta ás mulleres, tamén hai crecemento na dita franxa de idade, e, aínda que fique nun 63%, resulta moito máis espectacular, xa que parte dunha taxa do 44% en 2011. No grupo dos cidadáns de entre 30 e 49 anos, pasouse dunha porcentaxe o ano pasado do 49% ao 60%, no caso dos homes, e no das mulleres dun 37% a un 49%. No eido de máis de 50 anos, temos as porcentaxes máis miúdas, como era de agardar, cun 20% que pasa a un 33% no caso dos homes, e cun 12% que devén nun 16% no que atinxe ás mulleres.

Gráfico coa penetración dos móbiles en España

PUBLICIDADE