Second Life contará de novo cunha carpa para a celebración do Ramadán

mércores, 17 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Os responsables de Second Life, na súa teima por reflotar o barco medio afundido desta iniciativa de mundo virtual, están a presentar algunha que outra iniciativa interesante, non tanto dende o punto de vista técnico senón máis ben dende o humano e o social. Neste vieiro é onde se sitúa o que están a levar a cabo coa axuda de IslamOnline.net, unha proposta que en boa medida consiste en consolidar o devandito xogo como un espazo aberto á pluralidade, cultural, relixiosa ou de calquera tipo. Máis polo miúdo, o proxecto apóiase na reincorporación (posto que xa vén do ano pasado, só que agora dun xeito máis ambicioso) a Second Life dunha gran carpa dende a que, entre outras cousas, as persoas de relixión musulmá poderán levar a cabo todo tipo de actividades ligadas ao seu culto. Asemade, ficará como fonte de coñecemento en liña para persoas doutras confesións interesadas a achegarse a esta cultura.
O espazo, decorado con farois, incensarios, alfombras ou tapices árabes, está habilitado para recibir até 150 visitantes dunha vez, sendo posible entrar en contacto directo coa cultura islámica e máis concretamente co Ramadán, celebración relixiosa que na vida real xa comezou o primeiro de setembro e que neste mundo virtual inclúe actividades como a lectura do Corán (situado no centro da carpa) ou consellos sobre como levar a cabo o xaxún (requisito fundamental para participar nesta festividade) por vez primeira. A carpa en Second Life foi habilitada unha vez máis por IslamOnline.net (a única organización musulmá con presenza neste mundo virtual), logo da experiencia do ano pasado, máis experimental. Os seus obxectivos, amais dos devanditos, consisten en tirar partido do mundo virtual para dar a coñecer a cultura islámica.

PUBLICIDADE