Se o museo non vai a Google, Google vai ao museo

mércores, 2 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Museo Reina Sofía é un dos que podemos visitar virtualmente a través do Art Project de Google

Xoguemos por un instante a ser detectives (ou máis ben a ser rexoubeiros) e botemos unha ollada polos perfís nas redes sociais de persoas escollidas ao chou; por exemplo (por dicir algún), o de David Bisbal, que ao ser personaxe público non ten reparo algún en facer da súa vida privada un artigo de negocio; sorpresa?; que atrevida é a ignorancia.
Semella que este individuo (ao igual que moitos outros) precisa culturizarse un pouco e non lendo as revistas e publicacións nas que sae lucindo “pelaso”.Unha boa maneira para comezar a adquirir un pouco de cultura xeral (e contribuír a unha mellor imaxe en ocasións vindeiras) pode ser acudir a algún museo e investir unhas horas do noso tempo libre no cultivo dunha mente máis sa e equilibrada.
E agora que Google decidiu levar as súas propias cámaras e recursos tecnolóxicos ata os museos e galerías internacionais, esta tarefa faise aínda moito máis doada.
O xigante americano decidiu facer unha aposta pola cultura universal e vén de crear unha web na que se pode percorrer virtualmente as salas e instalacións de 17 museos e galerías de arte de Europa e Estados Unidos sen movérmonos das nosas cadeiras.

A través do Art Project podemos ver en detalle as obras de múltiples museos

Proxecto de Arte, que é como se fai chamar a ferramenta virtual, recolle un fondo común que cobre 385 salas e un milleiro de obras de 486 artistas, que poden verse de xeito ben cómodo na pantalla do ordenador.
Asemade, a información está interconectada, de xeito que un cadro de Rembrandt do Hermitage, en San Petersburgo, leva ao visitante a obras do mesmo autor que se conservan, por exemplo, na Fritz Collection de Nova York, na galería Ufizzi en Florencia ou no madrileño Thyssen.
A web estrutúrase en dous eixes principais; por unha banda pon a disposición dos internautas un percorrido virtual por unha ou varias salas de cada museo, capturando unha panorámica de 360 graos con tecnoloxía similar á de Google Street View e pola outra, permite a inspección microscópica dun total de 17 obras de sendas institucións.
Estas pinturas foron fotografadas cunha altísima resolución de xeito que conteñen ata 7.000 millóns de píxeles, que revelan detalles que non se ven a simple vista, tales como fendas na pintura, liñas cruzadas de brochazos ou elementos pintados no fondo do lenzo.
Este portal está chamado a cambiar a maneira na que nos aproximamos ao arte, e o feito de que sexa de balde vai permitir que moitas persoas que non teñen posibilidade económica nin tempo para facelo, poidan visitar os museos máis importantes do mundo.
Os museos españois que asinaron este convenio con Google foron o Museo Thyssen e o Reina Sofía, de Madrid. Neste último destaca a obra de Juan Gris, La botella de anís del mono, como estrela da súa contribución á web global, e estende o paseo virtual ata o interior dos pazos de Cristal e de Velázquez, entre outras cousas.
O Museo Thyssen, pola súa parte, achega a obra Joven caballero en un paisaje, da que o internauta pode descubrir a identidade do autor grazas a unha pequena cartolina pendurada dunha poliña na que Vittore Capaccio deixou a súa sinatura.
Neste caso, o nome do artista veneciano pódese ler claramente grazas á tecnoloxía xigapíxel empregada polos desenvolvedores da ferramenta.
Os responsables dos museos que colaboran neste proxecto coinciden en apuntar que o acceso virtual e de balde ás súas coleccións “non lles fará perder visitantes reais, senón que será un complemento ás futuras visitas”.
Este proxecto artístico nace coa teima de ir medrando tanto en número de obras como en institucións colaboradoras e “serán as reaccións e interese do público os que marquen as pautas da futura expansión da ferramenta”, conclúen os seus responsables.


Vídeo de presentación do Google Art Project

PUBLICIDADE