Sanxenxo incrementou a cifra de inmóbeis conectados á nova fibra de R

luns, 31 de xaneiro do 2022 S. P.

En Sanxenxo medrou a familia de fogares e empresas conectadas á nova fibra óptica da operadora de orixe galega R. O núcleo de Cachada (132 domicilios e negocios) vén de incorporarse á renovada infraestrutura de última xeración da compañía no municipio pontevedrés de Sanxenxo, co que os habitantes da zona xa poden dispor de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 10 Gbps simétricos e gozar duns servizos que en palabras da empresa “son os máisavanzados de telecomunicacións do mercado”.
Os traballos na Cachada únense aos desenvolvidos con anterioridade para incorporar en total arredor de 2.000 inmóbeis en diferentes zonas do municipio, igualmente no marco do Plan Avanza.
Cando se complete a despregadura de rede neste concello da bisbarra do Salnés, Sanxenxo contará, só en virtude do programa do Ministerio, cunhas 2.660 residencias e empresas conectadas ás redes de nova xeración da operadora.
A maiores, R leva anos investindo pola súa conta na despregadura de infraestruturas en Sanxenxo, onde xa dispoñen de cobertura máis de 7.547 fogares e empresas do municipio. Deste xeito, preto de 10.207 (7.547+2.660) será a cifra total de inmóbeis do concello preparados para gozar dos servizos de última xeración da compañía galega que se alcanzará ao longo deste ano.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Sanxenxo enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo) cun investimento total de 3,58M€.

PUBLICIDADE