Santiago vístese en novembro de cidade Maker

mércores, 31 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

O espírito Maker colle altura na nosa terra. E vaina coller literalmente, entre outras cousas porque está previsto un gran evento sobre este movemento tecnolóxico e argalleiro (o movemento de “faino coas túas mans”) no monte Gaiás de Santiago, emprazamento da Cidade da Cultura de Galicia. Estamos a falar da terceira edición de Galicia Maker Faire, que foi presentada este 31 de maio no devandito complexo cultural e tecnolóxico compostelán e que, segundo se fixo saber, vaise celebrar acompañada dun especial esforzo para visualizala e por visualizar, tamén, as/os argalleiras/os que nela se citen. A cita será en novembro e, atención, xa podemos ir apuntándonos a través da web de seu, galicia.makerfaire.com.
A terceira edición Galicia Maker Faire veu acompañada dun convenio (asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e a Concellaría de Desenvolvemento Económico de Santiago) que en boa medida renova a alianza Concello-Xunta para promover a Cidade da Cultura como “espazo de creación empresarial no ámbito das industrias creativas”.
Na formalización do acordo e na posterior rolda de prensa para presentar a Galicia Maker Faire participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e os organizadores do evento, Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez.
Segundo fixeron saber, as Maker Faire son “as meirandes feiras de inventores do mundo, escaparates para a creatividade e o enxeño, pensados para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.... un lugar, en definitiva, para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais”.
A edición galega do evento, a feira compostelá presentada este 31 de maio, é en palabras dos participantes na rolda de prensa “a máis importante da Península”. E é así “tanto por número de argalleiros participantes como de público”. O evento santiagués, engadiron, “está entre os cinco con máis visitantes de Europa, logo de grandes cidades como Roma ou París”.
Na presentación tamén se lembrou que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade, o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional, “favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.
A cousa Maker
O movemento Maker é a cultura de “fágao vostede mesmo”, “Do it Yourself” en inglés. O termo Maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.

PUBLICIDADE