Santiago presentará o proxecto Smartiauga ás axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

A xunta de Goberno de Santiago deu luz verde á participación do Concello na segunda convocatoria de subvencións lanzada polo PERTE de dixitalización do ciclo da agua dentro do Plan de Resiliencia. A dita participación virá dada a través do proxecto Smartiauga (Xestión intelixente do ciclo urbano da auga de Santiago de Compostela), que conta cun orzamento de preto de 4 millón de euros e que permitirá a modernización tecnolóxica e a mellora da eficiencia na xestión da auga no municipio.
Con este proxecto o Concello quere implementar unha serie de melloras tecnolóxicas e infraestruturais, en liña coa súa estratexia global de transformación dixital cara a consecución dunha cidade intelixente. Este proxecto conta cun orzamento de 3.953.386,56 euros en tres anualidades: 1.467.241 euros para o ano 2024, 2.144.066 eruos para o ano 2025 e 342.079 euros para o ano 2026.
Para o seu co-financiamento, o Concello presentará este proxecto á convocatoria lanzada dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Dixitalización do Ciclo da auga, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cuxo obxectivo é mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga.
Smartiauga, que conta un prazo de execución previsto de 28 meses a partir do 1 de marzo de 2024, permitirá unha mellora integral na xestión do ciclo da auga no termo municipal de Santiago, abastecido na actualidade por dúas captacións, unha situada na propia estación de tratamento de auga potable do río Tambre situada no lugar de Marzo de Abaixo, parroquia de Santa María de Grixoa, e outra nos mananciais de Brins e Chopo.
A través das diferentes actuacións que se desenvolverán no marco desde proxecto, o Concello pretende sentar as bases tecnolóxicas, metodolóxicas e infraestruturais para a centralización, integración, procesamento e explotación da información hídrica destes sistemas co fin de dotar ao organismo de conca competente de ferramentas máis áxiles e eficientes para a xestión deste recurso. Ademais, a implementación destas solucións permitirá incrementar a transparencia na xestión da auga ante usuarios e administracións competentes, así como contribuír á correcta administración do dominio público hidráulico e á protección das augas.
O Concello recoñece que “na actualidade, Santiago conta cun baixo grao de dixitalización das súas infraestruturas do ciclo da auga, as cales carecen das innovacións tecnolóxicas máis recentes e, practicamente non existe unha monitoraxe directa das captacións do dominio público hidráulico do termo municipal, dado que a súa análise e contabilización non se realiza ata que non entran a algunha das infraestruturas do ciclo integral, xa sexa a propia estación de tratamento de auga potable do Tambre, ou o depósito da Almáciga”.

PUBLICIDADE