Santiago ponse na vangarda TIC co seu proxecto CPI de mobilidade smart para a zona histórica

xoves, 4 de febreiro do 2021 S. P.

O Concello de Santiago presentou este xoves 4 o proxecto local CPI (Compra Pública Innovadora) de mobilidade smart, unha iniciativa que o Goberno compostelán cualifica de pioneira a nivel europeo e que, entre outras vantaxes, posibilitará controlar e predicir os fluxos de vehículos e peóns da cidade histórica.
O proxecto foi dado a coñecer polos concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte, e de Mobilidade, Gonzalo Muíños, xunto a Juan Marín, director do departamento de Cidades da empresa Kapsch. Segundo fixeron saber, trátase da contribución estrela de Smartiago, “porque é o que acapara un maior volume de recursos económicos e porque sería o de maior visibilidade e influencia no desenvolvemento futuro de cuestións fundamentais para a nosa cidade, como o control de fluxo de vehículos e de peóns".
O proxecto CPI de mobilidade smart saíu a licitación por un importe de 2.146.000 euros, cun prazo de execución de 18 meses, 12 deles de implantación e os outros 6 destinados ao adestramento e máis á autoaprendizaxe derivados da análise de datos.
Foi adxudicado á empresa Kapsch Trafficcom Transportation, por importe de 1.412.000 euros, e o 15 de xaneiro pasado asinouse o contrato. Contempla, segundo explicou Sindo Guinarte, responsábel de Smartiago, a instalación de cámaras intelixentes en 43 emprazamentos da cidade histórica, tanto para o control de vehículos como de peóns; sistemas de redutores de velocidade intelixente, con capacidade para calcular a masa e o volume dun vehículo; e unha plataforma con altas capacidades de análise e de resposta para o control do conxunto de elementos reguladores da mobilidade.
Detalles do proxecto
Juan Marín explicou que o proxecto inclúe, entre outros, os seguintes compoñentes:
· Cámaras intelixentes. Este sistema permitirá, entre outros aspectos, a detección e lectura da matrícula de vehículos; a súa clasificación (marca, modelo, color, tipo, etc.), a altura e lonxitude; a lectura de placas indicadoras de tara e volume; a detección de remolques e semi-remolques; a localización e clasificación de mercadorías descargadas na vía pública; a caracterización de peóns e a rastrexabilidade dos mesmos; e a detección e seguimento dun vehículo a través de todas as cámaras de visión artificial despregadas. Está previsto instalar cámaras en 43 emprazamentos; en 31 deles destinadas á xestión da mobilidade do tráfico, e nos outros 12 á mobilidade peonil.
· Redutores de velocidade con pesaxe. Este compoñente permite a pesaxe de vehículos en marcha cunha fiabilidade do 80% e, polo tanto, a detección de vehículos con sobrepeso, e o contraste dos pesos entre vehículos.
· Un centro de mobilidade intelixente que incorpora hardware e software de post-procesamento (cun sistema de Intelixencia artificial baseado en algoritmos de Deep learning que permitirá predicir as rutas de tráfico de mercadorías, e as de vehículos de residentes ou de turistas), unha plataforma de xestión para a visualización, fusión de información, validación, evento, estratexias e administración; e indicadores de mobilidade, indicadores de limpeza, avaliación de estratexias, e outros informes.

PUBLICIDADE