Santiago ofrece a posibilidade de coñecer os personaxes do monte Viso cun xogo de realidade aumentada

venres, 16 de xullo do 2021 S. P.

En Santiago, quen se calce as botas de sendeirismo e se bote ao monte Viso, un dos grandes miradoiros da cidade, vai levar unha agradábel sorpresa en materia de dispositivos tecnolóxicos. En concreto, poderá desfrutar de O Misterio do Monte Viso, unha aplicación que, entre outras cousas, posibilita xogar a pé de monte cos elementos que constitúen a ruta mitolóxica (poboada de mouras, nubeiros, meigas, gatipedros, urcos e o mesmísimo rei Breogán, entre outros persoeiros míticos galegos) que leva dende a contorna do Gaiás ao devandito cumio. Os usuarios terán ocasión de ver os personaxes multimedia da ruta, coas súas respectivas informacións, en tecnoloxía de Realidade Aumentada.
En concreto, trátase dun reto interactivo no que teremos que ir obtendo pistas para resolver o misterio do percorrido mitolóxico. O xogo pode descargarse de balde a través de Google Play. Segundo sinalou o Concello, o obxectivo é “permitir que a cidadanía, especialmente os máis cativos, poidan coñecer e gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico”. A proposta de lecer en liña foi desenvolvida polos integrantes do Obradoiro de Emprego Santiago Sustentábel II, no que participan persoas desempregadas do concello. O Concello difundirá a proposta entre os escolares cun xogo de cartas.

PUBLICIDADE