Santiago mellorará o sistema de información do seu transporte urbano

venres, 29 de decembro do 2023 S. P.

O Concello de Santiago achegou importantes novidades relativas ao transporte urbano. Así, por unha banda manterá en 2024 a bonificación complementaria do transporte urbano, que se suma á bonificación aprobada polo Goberno do Estado (manténdose o prezo do billete co bono ordinario nos 0,30 euros, e o bono mensual seguirá custando 13 euros), e, pola outra, anunciou unha mellora nos sistemas tecnolóxicos de información relativos ás liñas, paradas, frecuencias, etc.
A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano, TUSSA, porá en marcha, a partir do 8 de xaneiro de 2024, un novo sistema de información na estación de autobuses. O obxectivo é mellorar os sistemas de control, seguimento e información dos servizos. Así, mellorarase a visualización nas pantallas, con información en tempo real das saídas e chegadas dos servizos de transporte colectivo, ao tempo que haberá avisos de próximas saídas pola megafonía e horarios impresos no servizo de información. Os datos facilitados serán os recollidos na plataforma bus.gal, dependente da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, que é a administración competente no servizo de transporte interurbano.
Tamén se mellorarán os controis de acceso para os autobuses ao recinto, así coma o control e seguimento dos mesmos.

PUBLICIDADE