Santiago fai un chamamento á cidadanía para encher as redes de vídeos en apoio do comercio local

luns, 8 de xuño do 2020 S. P.

O Concello de Santiago, a través da campaña #EuMercoAquí, vén de facer un chamamento a toda a cidadanía para enviar vídeos de apoio ao comercio local para seren publicados nas redes e fortalecer a fronte común arredor do comercio dos establecementos de proximidade. O obxectivo do Concello é seguir ampliando a rede de promoción e colaboradores. “Nunha campaña na que os verdadeiros protagonistas son os comerciantes, #EuMercoAquí convida a sumarse a comercios e clientes que envíen os seus vídeos e fotos”, explica o Goberno local.
Para participar, o Departamento de Comercio ademais das súas contas activas en Facebook, Twitter e Instagram e o cancelo #EuMercoAquí, pon a disposición de quen queira compartir os seus vídeos e fotos potenciando o comercio local, o número de whatsapp 686 082 995. Todo o material achegado será compartido nos perfís e páxinas oficiais do Departamento de Comercio do Concello de Santiago de Compostela.
Coa mensaxe Shopping in Santiago, a campaña de #EuMercoAquí, encadrada no Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 do Concello de Santiago, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID-19, busca involucrar á cidadanía no fomento e participación activa para ofrecer un retorno á actividade e á vida da cidade, potenciando o comercio local.

PUBLICIDADE