Santiago e Orange presentan app para que as persoas con discapacidade visual e auditiva gocen da riqueza de Compostela

luns, 3 de outubro do 2016 Redacción

O Concello de Santiago presentou este luns unha nova aplicación móbil destinada a romper barreiras de accesibilidade con respecto a unha Sociedade da Información por dereito (e por obriga) universal e integradora. Trátase, máis en detalle, dunha ferramenta para dispositivos accesíbel para persoas con discapacidade visual e auditiva, recurso tecnolóxico desenvolvido ao abeiro do convenio subscrito polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade (no que se inclúe precisamente Santiago de Compostela) coa Fundación Orange e GVAM. Na presentación participaron a concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico, Marta Lois, o presidente da Fundación Orange, Manuel Gimeno, e o director da empresa GVAM, Jaime Solano.
En base a isto, con esta aplicación móbil poderemos percorrer a Ruta intramuros (un itinerario polos monumentos máis senlleiros do casco histórico compostelán), a Ruta gastronómica (dirixida a amosar o noso bo facer na cociña e a calidade dos nosos produtos), a Ruta extramuros (unha oportunidade para coñecer “a beleza de Compostela fóra do seu casco histórico”) ou a Ruta accesible (con puntos de interese adaptados a persoas con discapacidade auditiva ou visual).
Entre outras cousas de interese, a ferramenta tamén incorpora unha pestana chamada Accesibilidade a través da que podemos elixir e descargar exclusivamente os recursos que precisemos. Elementos como subtítulos, vídeos en lingua de signos, audio-descricións, etc. Ademais a aplicación conta cunha opción denominada Como chegar que, mediante GPS, guía ao usuario de punto a punto.
A aplicación Santiago de Compostela nace no marco do proxecto Appside, que promove “a creación de aplicacións de guiado que permitan preparar a visita e descubrir de forma autónoma os museos e cidades máis representativas do noso patrimonio”. Todas estas apps, explicaron na rolda de prensa, “caracterízanse por ofrecer un contido cultural destinado a un público xeral pero que, ademais, estea adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade sensorial”.
Appside asinou un convenio estatal para desenvolver unha aplicación accesíbel para cada unha das 15 cidades Patrimonio da Humanidade.

PUBLICIDADE