A Deputación da Coruña comeza a construción do escenario virtual da Cidade das TIC

martes, 6 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación da Coruña comezou este mes de febreiro na Cidade das TIC a construción do que sería, en palabras da institución, o meirande escenario virtual de España. Segundo explicou o presidente provincial, Valentín González, o proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI) vai permitir que a creatividade audiovisual galega "flúa por todas as canles comerciais do mundo e as distintas plataformas", nun sector integrado por máis de 700 empresas e no que traballan 4.500 persoas.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso analizou este martes 6 cos representantes do Clúster Audiovisual Galego, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o ex-reitor Julio Abalde os avances do proxecto e informou, tras a reunión, do inicio das obras. González recoñeceu estar “moi satisfeito” do traballo desenvolvido xunto á UDC, o Concello da Coruña e o Clúster TIC Galicia, co financiamento do Plan de Recuperación do Goberno e a colaboración da Xunta, e dixo que é “motivo de orgullo” para a Deputación capitanear o proxecto.
“Como produtoras, levamos moitos anos traballando coa Administración e o que vén de suceder é un pequeno milagre: 14 meses dende as primeiras reunións ata o inicio das obras é algo moi rechamante”, dixo o presidente do clúster, Alfonso Blanco, e destacou que a iniciativa tamén “vai fortalecer a Cidade das TIC e vai marcar un punto aparte dentro do sector industrial galego, porque que conflúan tecnoloxía, TIC e formación por parte da Universidade nun mesmo espazo é algo moi singular a nivel de Europa”.
A construción do edificio adxudicouse o pasado decembro por 2.534.538,12 euros, cun prazo de execución de oito meses. Trátase do derradeiro paso para a posta en marcha do CEI, logo de que en agosto se adxudicara a tecnoloxía de vangarda do escenario virtual a Telefónica por 6,1 millóns de euros. A posta en marcha está prevista para o vindeiro outono. En total o CEI suporá un investimento de preto de 9 millóns de euros.
As instalacións contarán “coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual”, explicou o presidente provincial, engadindo que “servirán para mellorar a competitividade das empresas galegas do sector, ademais de atraer producións de cine, televisión e videoxogos procedentes de toda Europa”.
O edificio estase a construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da Cidade das TIC da Coruña, dentro da que se levantarán dous edificios interconectados. Nun primeiro bloque, situado na parte leste da parcela, estará o estudio audiovisual, e un segundo, na zona oeste, dará servizo ao plató. Construiranse cun sistema prefabricado de estrutura de formigón, o “que permitirá que os prazos da obra sexan reducidos”, sinalou Valentín González, explicando que o edificio quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que permite ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radon. Isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar.
Como eixo desta infraestrutura crearse un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao escenario virtual, no que serán artellados os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e peiteados, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.
Para a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado na zona sur, aproveitando o desnivel para crear unha grada e un lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co patio.
Para o deseño do edificio tamén se tiveron en conta criterios de sustentabilidade. As fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías e axude a atemperar o interior. A orientación das diferentes estancias tamén responde a unha estratexia de aproveitamento da ventilación natural. Ademais, inclúese o uso de cubertas vexetais con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que permiten a recuperación de auga, implementando así un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia. Tamén serán empregados paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos edificios.
Unha vez completadas as obras do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. O presidente provincial explicou8 que “este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran escenario de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio”.
A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que contará o escenario virtual deberán posibilitar aos produtores de cine e televisión a creación de “contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real”. A tecnoloxía vén proporcionada por Telefónica.
A Deputación subliña que este ambicioso proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

PUBLICIDADE