Proseguen en Palmeira os obradoiros de apps para maiores que visitarán todas a parroquias de Ribeira

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

Este xoves 8 de febreiro arrinca en Palmeira (Ribeira) unha acción formativa TIC organizada polo Concello a través da Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Francisco Suárez-Puerta, coa colaboración directa da Aula CeMIT. Trátase dun obradoiro de uso de aplicacións móbiles para persoas maiores abeirado a unha xira formativa que comezou en xaneiro e que visitará todas as parroquias do concello. A sesión de Palmeira celebrarase os días 8 e 9 de febreiro, en horario de tarde: de 16.00 a 18.00 horas. Logo o obradoiro visitará Artes, o 22 e o 23 de febreiro.
“Os obradoiros de uso de aplicacións móbiles para adultos maiores representan unha oportunidade para achegar a esta xeración ás tecnoloxías actuais, brindándolles a posibilidade de explorar e beneficiarse das numerosas aplicacións deseñadas para mellorar a súa calidade de vida”, explicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, engadindo que “estes talleres non só buscan ensinar o manexo básico de dispositivos móbiles, senón tamén mostrar como as aplicacións poden ser ferramentas útiles en diversos aspectos cotiáns”.
Os obradoiros xa se desenvolveron en Corrubedo o 11 e 12 de xaneiro e en Olveira o 25 e 26 de xaneiro. Ao longo destes meses celebraranse en Palmeira o 8 e 9 de febreiro, Artes o 22 e 23 de febreiro, Castiñeiras 7 e 8 de marzo, Aguiño 21 e 22 de marzo, Carreira 11 e 12 de abril, Oleiros 25 e 26 de abril e Castiñeiras o 9 e 10 de maio.
As actividades formativas desenvolveranse en horario de 16:00 a 18:00 da tarde e a inscricións poderanse realizar a través do correo: cemit.ribeira@xunta.gal ou ben mediante o tlf 981876043.

PUBLICIDADE