Santiago convértese esta finde nun fervedoiro de tecnoloxías e ideas maker

mércores, 21 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Achégase a cuarta edición da Maker Faire Galicia e as argalleiras e os argalleiros que queiran ver até onde poden chegar as súas capacidades creativas teñen nesta feira unha cita ineludíbel. Será esta finde, o 24 e o 25 de novembro, na Cidade da Cultura e entre mancheas de enxeños, propostas, ideas, desenvolvedores libres, profesionais, empresas e asociacións, todos eles co nexo común de levar o coñecemento o máis alto posíbel a través dunha fórmula infalíbel: a fórmula de compartir.
Os detalles últimos da cuarta edición da cita foron dados a coñecer hoxe pola concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo de Santiago, Marta Lois, acompañada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e pola coordinadora da Make.
Segundo sinalaron, a Maker Faire Galicia é “unha das feiras desta temática máis importantes a nivel europeo e supón un referencial punto de encontro innovador e colaborativo, amais de ser un gran escaparate de creacións innovadoras e un fervedoiro de actividades argalleiras”, entre as que se contan charlas, obradoiros, demostracións de parkour, carreiras de coches DIY ou probas con drons nun circuíto especificamente habilitado para a ocasión, no túnel subterráneo da Cidade da Cultura. O evento tamén acubillará a Hebocon, o campionato de robots para familias. Segundo fixo saber Lois, “coma todos os anos, as charlas serán un dos pratos fortes do evento”.
Na rolda cos medios de hoxe tamén se destacou a inclusión de conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades tecnólogas de Galicia.
Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Nun plano máis concreto, con nomes propios e relatorios definidos, as charlas e mesas de debate contarán coa presenza de persoeiros do ámbito Maker como Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom, que formará parte dunha mesa de debate sobre “a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo”, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, responsábel da creación dunha impresora 3D con capacidade para imprimir casas por menos de 1.000 euros.
No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.
Ademais, para a xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos polos nosos makers, que presentarán cadanseus enxeños perante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

PUBLICIDADE