Santiago acolleu unha xornada de promoción das novas tecnoloxías entre as empresas

mércores, 8 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A Sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago acolleu o pasado 26 de xuño unha xornada dirixida a dar a coñecer as grandes vantaxes das novas tecnoloxías da información (TIC) nun eido convulso economicamente coma o que estamos a vivir. No encontro, que serviu para dar conta do que teñen as TIC de potencial futuro perante os modelos produtivos que orixinaron a crise mundial (modelos opostos ás TIC na súa maioría), sinalouse ao sector das novas tecnoloxías como un dos chamados a achegar o meirande abano de solucións. De feito, os organizadores do encontro non dubidaron á hora de presentar ao tecido TIC galego como o xerador do combustible polo que estaban a agardar os restantes sectores, tanto para incrementar produtividade e competitividade como para ampliar as posibilidades de cooperación coas compañías do seu eido.
Durante a xuntanza tamén se presentou a Guía de Solucións TIC de Ineo, unha escolma de recursos que constitúe unha ferramenta básica de axuda e asesoramento ás empresas, con independencia do sector ao que pertenzan.
Máis polo miúdo, trátase dunha guía que contribúe a diagnosticar as necesidades propias dunha firma e a coñecer as razóns, as vantaxes e as solucións tecnolóxicas que lles permitan ser máis eficaces e competitivas no mercado.
A xornada estivo dirixida aos empresarios de todos os sectores produtivos do noso país e, a través das diferentes presentacións, puideron comprobar cales son as oportunidades e vantaxes que lles ofrecen as novas tecnoloxías para poder mellorar a súa rendibilidade nun intre difícil dende o punto de vista produtivo como o que se está a vivir arestora.
No acto, amais da guía en papel, presentouse a Ferramenta on-line de Autodiagnóstico TIC , recurso web que axuda ás empresas a diagnosticar as súas necesidades en materia de TIC que está aloxada na plataforma web de Ineo (www.ineo.org) e á que pode acceder calquera usuario mediante autentificación.
Tanto a guía en papel como a ferramenta inclúen un directorio das empresas ligadas a Ineo no que se especifican os produtos e servizos que ofrece cada unha e como poden funcionar a modo de asesores tecnolóxicos en función dunhas necesidades específicas.
Durante a presentación do devandito material fíxose tamén un repaso polas axudas que teñen as empresas ao alcance da man en materia de modernización tecnolóxica e de implantación das novas tecnoloxías da información nas pequenas e medianas empresas dos distintos sectores. Axudas que financiar os procesos de implantación nas empresas de calquera sector.
Ademais de darlle un exemplar a cada un dos asistentes á xornada, a Guía de Solucións TIC en papel distribuíuse a través das Confederacións de Empresarios das catro provincias galegas e a través das principias asociacións empresariais así como nos colexios profesionais, cámaras de comercio, etc.
A organización desta xornada por parte de Ineo, contou co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE