Santiago acolleu a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia de PetisGo!

luns, 14 de febreiro do 2022 S. P.

Participantes na experiencia na Alameda de Santiago nunha imaxe de El Correo Gallego

A Alameda de Santiago de Compostela acolleu este sábado 12 a proba final do Dragal Challange, unha experiencia pioneira na que se mesturaron realidade, escenarios virtuais e máis o universo Dragal da escritora Elena Gallego Abad servindo como pano de fondo e contido, e que serviu para culminar a primeira iniciativa da plataforma de contidos interactivos impulsada pola axencia AMTEGA, a CRTVG, AGADIC e o IGAPE, a plataforma PetisGo!, na que tamén colaboran o Clúster TIC, o Clúster Audiovisual e un feixe de empresas referentes de ámbolos sectores.
A primeira experiencia tivo como obxectivo demostrar o correcto funcionamento e as funcionalidades da plataforma PetisGO! e basease no universo Dragal, coñecido pola xuventude galega e cuxos personaxes serviron para dar coherencia o xogo. Este tivo como obxectivo amosar 10 lugares de importancia histórica de Galicia, que se converteu, durante o seu desenvolvemento, nun gran taboleiro de xogo.

A escritora Elena Gallego nunha imaxe da revista literaria Biosbardia

Dez equipos participantes competiron por premios consistentes en dispositivos móbiles e tiveron a oportunidade de crear tesouros escondidos con pistas (ovos de dragón) para desafiar aos demais equipos. Os tesouros tiveron como argumento historias esquecidas de Galicia e contiñan obxectos de realidade aumentada creados en PetisGo! Os participantes tiveron que seguir as pistas para atopar os ovos de dragón espallados por toda a xeografía nunha competición por equipos que culminou na final deste sábado.
O Dragal Challenge púidose seguir en directo a través da Plataforma PetisGo! en móbiles Android e iOS ou a través da versión para navegador.
Con este proxecto, co-financiado no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 Unha maneira de facer Europa, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG pretenden dinamizar o uso de novas canles e medios e a creación de contidos interactivos innovadores acordes ás novas tendencias de consumo no ámbito da formación non regrada para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos.
A plataforma
A plataforma PetisGo! enmárcase no Plan DicoMindset que leva a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con entidades públicas, como o IGAPE, a CRTVG ou a axencia AGADIC; e privadas, como o Clúster TIC, o Clúster Audiovisual e empresas tractoras. Este plan implica un investimento de máis de 13 millóns de euros para o impulso do sector de contidos dixitais.
A plataforma PetisGo!, desenvolvida nos últimos 18 meses, ten aplicacións como a creación de contidos para a TV interactiva, a educación, o turismo ou a difusión cultural. Foi creada por Xurelos-Petiscos, unha unión temporal de empresas formada por Cinfo, Sixtema, Xoia, R e Ficción Producciones.
PetisGo! forma parte dun convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG. Un dos seus grandes obxectivos é impulsar a creación e máis a difusión de contidos interactivos avanzados para ser desfrutados en distintos escenarios coma na natureza ou en visitas a monumentos históricos, e a través de múltiples dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, Realidade Aumentada ou Realidade Virtual.
Segundo explican fontes da Xunta, “a plataforma facilita que os propios usuarios, nenos, adolescentes, profesores ou profesionais do audiovisual creen experiencias interactivas, chamadas petiscos, que combinen estas tecnoloxías de xeito sinxelo”.

PUBLICIDADE