Santiago acolleu a presentación dunha nova alternativa para levar rede de banda larga ao noso rural

venres, 24 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A web de SES Astra con información sobre a cobertura dos satélites

A Sociedade da Información semella darse mellor en territorios chairos, con poboación concentrada e, a poder ser, situados xeograficamente preto dos grandes centros económicos e políticos. Tendo en conta isto (por se fosen poucos os atrancos sociais, económicos ou culturais cos que temos que loitar os galegos e galegas), a parte de outras cousas, é máis ou menos doado entender por que no noso territorio aínda fican zonas onde é case imposible ter un acceso á Rede en condicións mínimas de calidade. Tratar de ampliar a listaxe de posibles solucións viables é un dos obxectivos da Asociación Galega de Empresarios Instaladores de Telecomunicacións, que veñen de reunirse en Santiago coas empresas responsables dun innovador servizo de internet por satélite especialmente sinalado para dar cobertura de banda larga no rural. Falamos de SES Astra (operador de satélites) e NET 2 (servizos de rede). Por certo que da xuntanza puidéronse extraer unhas cantas conclusións de interese para a cidadanía galega: en breve comezará a actividade destas dúas firmas no noso espazo xeográfico non urbano a través dun sistema bidireccional e o seu custo, no que atinxe a un megabyte de baixada, andará arredor dos 40 euros ao mes.
A maiores, e segundo contaron as propias compañías e se fan eco medios como a web do PEGSI, a idea básica é non ir alén dese prezo proposto, co que estaríamos a falar dun servizo que, polo menos no plano económico, non sería moi diferente do ofrecido nas cidades. Outra cousa é o propio contido interno do servizo, que si que andaría un algo por debaixo en cuestión de megabytes ofrecidos.
Con todo, indican os seus responsables, “trátase dunha alternativa que mellora o ofertado anteriormente para o rural galego”, un amplo espazo xeográfico que, principalmente polo desleixo das grandes empresas que achegan servizos de rede (ao non atopar, sosteñen, demanda abonda para xustificar o investimento en instalación de equipos), vén ficando até o de agora, con maiores ou menores diferenzas, nunha franxa de escuridade dixital. Por certo que segundo as compañías responsables deste servizo por satélite do que estamos a falar, en Galiza a área que queda totalmente a contrapelo do acceso á Rede vai alén do 9% do territorio.
Volvendo ao servizo achegado polas dúas empresas, dicir que amais da cota mensual serían precisos outros importantes investimentos previos para poder recibir a rede, concretamente para habilitar e poñer en marcha unha antena (de 80 centímetros) e un módem, que roldarían os 390 euros máis instalacións. As dúas firmas, durante a súa estancia en Compostela, deron a coñecer datos sobre o seu volume de clientes en Europa: arredor de 40 mil, especialmente localizados en países como Francia e Alemaña. Por certo que os servizos que ofrecen SES Astra e NET2 veñen dados en virtude dun acordo recente entre ámbalas dúas partes: por medio del, NET2, que conta cunha rede de instaladores de telecomunicacións por toda España, asumirá o labor de distribuír o servizo de banda larga por satélite de SES Astra por toda a Península e Baleares, “facilitando o acceso á Internet de banda larga a calquera fogar ou negocio independentemente da súa localización e das infraestruturas existentes”.

PUBLICIDADE