Santiago acollerá en outubro unha xuntanza europea de cidades smart

venres, 24 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Santiago vén de avanzar un novo treito no seu camiño cara a contornas de traballo máis smart. Ou sexa, cara a un punto de inflexión onde todo o que se faga en relación coa vida pública sexa mellor xestionado, máis eficiente, máis sustentábel e máis transparente. Parte deste camiño estase percorrendo da man do Concello de Coruña (o seu proxecto compartido de Plataforma de Goberno Aberto) e parte del, ao abeiro do proxecto europeo Smarter Together. Respecto desta última iniciativa, a participación de Santiago traducirase en cousas como o intercambio de experiencias de implantación de tecnoloxías intelixentes con outras cidades dos países membro (haberá partillado de recursos smart destinados a mellorar a calidade de vida nos ámbitos urbanos). Onte, sen ir máis lonxe, celebrouse en Compostela unha xuntanza ao abeiro de Smarter Together destinada a afondar no desenvolvemento da estratexia.
Entre outras cousas, anunciouse que en outubro a cidade galega acollerá un gran encontro de socios, estando programado asentar os alicerces para crear unha plataforma de comunicación e intercambio de experiencias.
A xuntanza estivo centrada na área específica da implicación cidadá no proxecto. Tamén se avanzou no deseño dun plan de comunicación e dunha campaña divulgativa ao redor do Smarter Together (tarefas nas que están a participar técnicos de diferentes departamentos municipais).
Asemade, lembrouse que proxecto Europeo Smarter Together ten “como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes”. As áreas de traballo nas que se vai desenvolver inclúen os seguintes eidos: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentábel, redes de auga quente sanitaria e calefacción centralizadas (district heating) e enerxías renovábeis.
Compostela é socia a título de “cidade seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado por Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.
Santiago, como “cidade seguidora”, terá a oportunidade de participar para elaborar unha estratexia para unha cidade intelixente, coa colaboración de axentes internos do propio Concello e de axentes externos (cidadanía, asociacións, empresas).

PUBLICIDADE