Santiago acolle o día 24 unha xornada sobre as vantaxes da eAdministración para as empresas

xoves, 17 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) vai organizar o vindeiro día 24 deste mes unha xornada sobre as vantaxes que poñen en xogo as novas tecnoloxías á hora de comunicármonos e interrelacionar coas institucións públicas. O encontro, que dará comezo ás 9.45 no Centro ON (Caixa Galicia) de Santiago, xorde da necesidade de informar dos máis recentes detalles da evolución tecnolóxica á que se están a someter as relacións entre empresas, entidades financeiras e coas administracións. A xornada, que xirará arredor de cuestións concretas como a dixitalización certificada, a sinatura dixital ou o DNI electrónico, conta co apoio da Consellería de Facenda (a través do Cixtec), da Axencia Tributaria, de Caixa Galicia e das Consultoras Tradise e Ayse Lucus.
Para AGESTIC, o seminario en cuestión constitúe unha oportunidade inmellorable para achegármonos á oficina e á Administración sen papeis, “unha realidade práctica con todas as garantías tecnolóxicas, polo que empresas TIC, entidades e institucións de índole pública teñen como obxectivo e compromiso a súa divulgación e espallamento de emprego a tódalas restantes pequenas e medianas empresas de Galicia”. O evento contará, entre outras achegas, coa participación de Mauro Fernández Dabouza, director xeral do Cixtec, Manuel Pampín, técnico en informática da Axencia Tributaria, ou de Enrique Rodríguez, director xeral de Ayse Lucus.

PUBLICIDADE