Santiago acolle este martes a presentación do manifesto anti-crise de AETIC

luns, 6 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (na imaxe) da Consellería de Traballo acolle este martes 7 de xullo un encontro estatal e galego de representantes do eido dixital encamiñado a facer fronte común ante un dos grandes retos da sociedade actual: poñer o coñecemento ao alcance de toda a poboación e promovelo como a base de todas as accións posibles para superar a crise social e produtiva. Máis en detalle, a cita servirá para dar a coñecer o manifesto A solución é dixital, da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC).
O encontro contará coa presenza de Jesús Banegas, presidente da plataforma, e Rafael Valcarce, presidente do Consello Territorial de Galicia de AETIC. Xuntos presentarán o miolo do documento, que consiste nunha análise do papel que as empresas do sector das novas tecnoloxías poden desenvolver “na saída da crise económica e na conversión do modelo produtivo español cara a estratexias propias da Sociedade do Coñecemento”.
Na presentación tamén participarán activamente a directora xeral de Formación, Ana María Díaz López, a secretaria xeral de Modernización, María del Mar Pereira, e máis o director xeral de I+D, Ricardo Capilla Pueyo.
AETIC representa a día de hoxe a 2.000 asociados, dos que 300 son empresas de tipo individual e o resto diferentes entidades e colectivos empresariais. A súa actividade está ligada cos sectores da electrónica e as tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE