Santiago acolle en outubro unha xornada sobre probas de software da man de SQS

martes, 13 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Exterior do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Conxo, SantiagoTal e como avanzamos o outro día nesta web, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia volve con este mes de setembro á actividade, logo do parón estival, cunha ampla escolma de cursos e actividades diversas de formación e promoción TIC. Un exemplo disto é a xornada sobre fundamentos de testeo de software. Organizada polo propio centro e impartida por Software Quality Systems (SQS), está programada para o vindeiro 11 de outubro, con horario de 9.30 a 13.30 horas, ofrecéndose xa na rede todo o preciso para ir completando datos ou formalizando a inscrición.
A actividade, entre outras cousas, servirá para dar a coñecer e ampliar conceptos básicos no eido do testing e os distintos tipos de proba a realizar nun proceso de desenvolvemento. Xa nun eido máis específico, avaliaranse polo miúdo os conceptos relativos a probas dinámicas e estáticas e, no ámbito das dinámicas, se diferenciará entre as probas de caixa branca e negra. No que se refire ás probas estáticas, falarase de actuacións de revisión e análise. O evento contará coa presenza de Ainhoa Gracia, consultora senior en Calidade de Software e Testing de SQS, licenciada en Informática e master en Arquitectura de Software pola Universidade de Deusto. Segundo apunta o CNTG, a actividade irá especialmente encamiñada a responsábeis de probas e/ou calidade, xefes/as de proxecto, técnicos/as de probas, analistas, desenvolvedores etc .. e, en xeral, “calquera persoa interesada en adquirir coñecementos relacionados co testeo de software e a calidade dos desenvolvementos”.

PUBLICIDADE