Santiago acolle en novembro a primeira Feira de Innovación USC-ABANCA
venres, 26 de outubro do 2018
A
Universidade de Santiago de Compostela e ABANCA veñen de unir forzas
a prol da cultura emprendedora entre os estudantes universitarios e o
achado de novas propostas, solucións ou ferramentas que contribúan
ao progreso tecnolóxico da nosa terra.
Froito deste compromiso común é a primeira Feira da Innovación
USC-ABANCA, que se celebra os vindeiros 27 e 28 de novembro na
Cidade da Cultura.
Segundo
explican as dúas entidades, o obxectivo é “achegar unha xornada
de portas abertas que mostre á cidadanía a oferta formativa,
investigadora e de transferencia de coñecemento de USC e ABANCA”,
así como a súa aposta polas ideas novas para converter en
realidades de mercado.
Entre
as actividades que poderán atopar os visitantes ao longo das dúas
xornadas, figuran exhibicións e demostracións con diferentes
tecnoloxías empregadas no eido da investigación galego (impresión
3D, drons, robots, lentes 3D...), exemplos de novas empresas xurdidas
a partir do labor investigador da Universidade, presentación de
patentes, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias
divulgativas e “toda unha serie de contidos ligados á comunidade
universitaria e de interese para o colectivo de estudantes, docentes,
empresas e a sociedade en xeral”, explican.
A
nivel formativo, estarán representadas as cinco grandes áreas de
coñecemento que engloban a oferta formativa da USC: Artes e
Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde,
Ciencias Experimentais e Enxeñaría e Arquitectura.
A
nivel de investigación, fornecerase unha xanela ao traballo
despregado polos preto de 2.000 profesionais da investigación e a
docencia da Universidade, artellados en grupos de traballo “que
poñen a innovación ao servizo da sociedade”. Asemade, porase o
foco na importancia de transferencia, de tecnoloxía e de capital
humano, “unha das pedras angulares da misión da Universidade de
Santiago”.
Polo
que respecta á contribución de ABANCA á feira, o seu núcleo
estará constituído por obradoiros e relatorios sobre os retos da
transformación e dixital e sobre as profesións que collen corpo e
que terán gran proxección a curto e medio prazo. Neste senso, a
entidade financeira porá o foco nas posibilidades do Campus ABANCA,
na oferta formativa do IESIDE e as iniciativas ABANCA Innova e ABANCA
Talents.