Santiago acolle a presentación da plataforma Womarts.net, liderada polo Auditorio de Galicia

xoves, 11 de marzo do 2021 S. P.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Xaquín Lopez, xerente do Auditorio de Galicia, presentaron este 11 de marzo unha plataforma tecnolóxica para visualizar os traballos das creadoras europeas e tamén dos seus perfís. Trátase de womarts.net, faciana visíbel dun proxecto europeo liderado polo Auditorio de Galicia, que conta con financiamento de Europa Creativa e que procura unha presenza igualitaria das mulleres nas artes.
Con este proxecto, sinalou a concelleira, preténdese “pór fin á invisibilidade das mulleres na contorna artística”.
A plataforma womarts.net iniciou a súa andadura o día 8 de marzo e xa permite visualizar os perfís e traballos de moitas das creadoras que participaron nas residencias artísticas e nos obradoiros desenvolvidos no marco do proxecto. Entre elas, Eva Antelo, Haya Blanco, Teresa Búa, Laura Carrillo, Laura Currais, Julia Lago, Charo Lopes, María Meijide, Mónica Mura, Mery Pais, Acacia Ojea, Candela Piñeiro, Iria Ribadomar, Denisse Vacarello ou Xulia Vicente.
Neste momento a plataforma permite visualizar a 45 creadoras de 16 países con 105 tipos de traballo artístico.
Mercedes Rosón sinalou que “para que chegue a moitas máis e para que esta iniciativa cumpra co fin co que foi creada, pedimos a vosa colaboración na súa difusión e tamén a dos colectivos, asociacións e entidades culturais de Compostela”.
A plataforma está aberta a todas aquelas artistas consolidadas ou emerxentes que ben sexan orixinarias dalgún dos países do ámbito europeo ou se desenvolvan nel. Para sumarse, abonda con cumprimentar un formulario sinxelo.
Xaquín López explicou que o proxecto Wom@rts persigue a presenza equitativa das mulleres nas artes, en termos de visibilidade, promoción e acceso ao mercado. En concreto, dixo, ten como obxectivo “apoiar a creatividade das mulleres desde unha perspectiva intersectorial”.

PUBLICIDADE