Santiago, A Coruña e Vigo acollerán en setembro sesións formativas do programa Xeración Dixital Pemes

venres, 4 de agosto do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ao abeiro do seu convenio de colaboración con Galicia Business School, puxo a disposición das colexiadas e colexiados o Programa Xeración Dixital Pemes (Generación Digital Pymes), unha iniciativa de formación avanzada liderada polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, que ten como obxecto principal impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas para “que consigan internacionalizar o seu negocio e aumentar a súa produtividade”. O programa está valorado en 6.000€ e é completamente gratuíto grazas ao financiamento do fondo Next Generation EU.
O programa está deseñado para empresarios, directivos e profesionais con funcións directivas pertencentes a pemes galegas, cun cadro de persoal que oscila entre os 10 e os 249 traballadores.
Só poderán participar dúas persoas por peme adherida. O programa combina cinco xornadas de formación presencial coa formación dixital a través da plataforma. De este modo búscase asegurar a xeración do networking necesario dun programa directivo coa adaptabilidade e flexibilidade da formación online, que “é esencial para a axenda dos profesioais”, sinalan dende o CPEIG e Galicia Business School.
O programa consta dun total de 146 horas repartidas entre os meses de setembro e decembro. Da totalidade de horas, 40 celebraranse de forma presencial e terán lugar en:
• Santiago de Compostela: inicio martes 12 de setembro
• A Coruña: inicio mércores 13 de setembro
• Vigo: inicio xoves 14 de setembro

PUBLICIDADE