Sanidade fai unha nova aposta pola saúde en liña

luns, 19 de xullo do 2010 Raquel Noya

A Consellería de Sanidade, na súa teima por levarlle á cidadanía as máis modernas ferramentas para acceder á saúde en liña e atallar os seus trámites con esta entidade pública da maneira máis eficaz, vén de por en marcha un novo servizo telemático que lle permite tódolos galegos e galegas o acceso ao Rexistro dos Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios da nosa Comunidade Autónoma.
Este novo servizo do departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía facilita, de maneira doada e rápida, información á poboación relativa ao estado actual das autorizacións dos centros sanitarios, servizos e establecementos, así como da oferta asistencial que teñen autorizada.
Xa que logo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Buscador de centros, a cidadanía ten acceso dende agora a consultar, en tempo real, a información dos centros sanitarios galegos, tanto públicos como privados, que constan no Rexistro dos Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Asemade, pódense realizar consultas dos centros autorizados seguindo diferentes criterios de selección, tales como a tipoloxía do centro, a oferta asistencial, a titularidade, os datos de localización... estes últimos permiten escoller entre localizar os centros mediante o enderezo postal ou mediante a visualización da situación nun mapa, que remite ó internauta ó seu emprazamento exacto no rueiro.
Sanidade considera que este avance na modernización tecnolóxica da información, “ten grandes vantaxes para todos os galegos e galegas” e, ademais, continúan, “vai incidir, de xeito especial, nun achegamento do Sistema de Saúde á cidadanía, de xeito especial no que atinxe ao seu funcionamento administrativo”.

PUBLICIDADE