Sanidade expón en Madrid as vantaxes da saúde en liña galega

mércores, 30 de xuño do 2010 Raquel Noya

A conselleira de Sanidade Pilar Farjas Abadía, non puido ocultar hoxe a súa satisfacción ao anunciar, durante unha mesa redonda sobre as TIC celebrada en Madrid, que “actualmente 286 centros de saúde emiten receitas electrónicas en Galicia e hai 1.233 farmacias conectadas que as utilizan”.
Isto supón que o 71 por cento da cidadanía estase a beneficiar xa das vantaxes da e-receita, dahí que a titular da carteira sanitaria da Xunta non repare en dar datos que confirman o bo estado da sanidade en liña galega.
Así, fixo referencia ás características da sociedade galega, da que sinalou que a quinta parte ten máis de 65 anos –porcentaxe que tende a aumentar- e na que se está incrementando a proporción de pacientes pluripatolóxicos e con enfermidades crónicas, polo que se prevé un aumento da frecuentación.
Polo tanto, dixo, “para adaptarse e dar resposta ás novas necesidades dos seus cidadáns, Galicia require a modernización do seu sistema sanitario, debido á permanente innovación tecnolóxica e de medicamentos, á crecente frecuentación e demanda de servizos sanitarios, ao aumento de procedementos e á complexidade das patoloxías que se abordan”.
Asemade, engadiu, “no último ano, case a metade da poboación foi a máis dun centro de saúde beneficiándose, deste xeito, dunha historia clínica electrónica única”, destacou Pilar Farjas, afirmando tamén que a dixitalización supón unha maior eficiencia nos recursos e na atención, como amosa o feito de que o número de visitas administrativas que realizan os pacientes aos centros de saúde unha vez que as farmacias están dixitalizadas pasou dun 25 por cento a valores por debaixo do 13 por cento.
Na súa intervención na mesa, Farja Abadía engadiu que “grazas á dixitalización do diagnóstico por imaxe tense reducido un 60 por cento o custe respecto ao modelo tradicional de impresión de placas, e que os sistemas electrónicos de prescrición axudan a promover a utilización de medicamentos xenéricos ou de marca de menor prezo”.
A conselleira sinalou que, o pasado ano, realizáronse máis de 14 millóns de accesos de profesionais sanitarios a IANUS, e explicou que están integrados nela todos os hospitais da rede do Sergas -aos que hai que sumar dous hospitais concertados- e 420 centros de saúde (o 90 por cento da poboación). A finais do pasado ano 2009, estaban formados e acreditados para utilizar a IANUS o 90 por cento dos facultativos de Atención Especializada e o 96 por cento dos de Atención Primaria; así como o 60 por cento dos sanitarios non facultativos dos dous niveis.
Tamén fixo referencia á implantación da Plataforma Diagnóstica Integral en Radiodiagnóstico, ao desenvolvemento da Administración electrónica como elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario e á implantación da central de chamadas única para toda Galicia, que unifica o acceso telefónico a toda a Comunidade por igual.
Para concluir, tamén fixo referencia á plataforma de formación a distancia, á Escola Galega de Saúde para Cidadáns e á plataforma Bibliosaúde, dispoñible tanto en Internet como na Intranet e que o pasado ano recibiu máis de 54.000 visitas.

PUBLICIDADE