Sanidade aposta polo uso das TIC para garantir o sistema sanitario público galego

luns, 4 de xuño do 2012 Raquel Noya

A pasada semana celebráronse en Valladolid unhas xornadas sobre xestión e avaliación de custes sanitarios, ás que foi convidada a nosa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que participou, xunto con outros axentes da sanidade pública, na mesa redonda Investir en persoas e en tecnoloxía para a eficiencia.
A titular de Sanidade, consciente da utilidade das novas tecnoloxías en tempos de austeridade como os que estamos a experimentar, fixo fincapé a aplicación das TIC no sistema sanitario galego, como unha medida de xestión dos recursos “rigorosa e eficiente” que axudarán a garantir a “sosteñibilidade do sistema sanitario público”.
Deste xeito, ademais da creación dunha plataforma loxística integral dotada dun centro de almacenaxe para toda Galicia que se levará a cabo en breve, Mosquera apuntou como medida de aforro a implantación do Expedient-e único do profesional, unha ferramenta en liña que permite simplificar e axilizar os procesos de xestión de persoal na sanidade pública, ao tempo que “gaña en transparencia e accesibilidade”, engadiu.
Doutra banda, Rocío Mosquera subliñou a importancia que ten para Galicia a implantación da Historia Clínica Electrónica IANUS e da eReceita (iniciada en 2004) da que dixo “xa se benefician o 99,9% dos cidadáns”.
Tanto a eReceita, como a IANUS ou, máis recentemente, a implantación do currículo profesional electrónico, supoñen para a sanidade galega un aforro considerable de tempo e custes, e tamén para a cidadanía, que agora pode gozar dun contacto máis directo e bidireccional cos seus centros de saúde e profesionais adxudicados.

PUBLICIDADE