Sanción de 250.000 libras a Sony polo PSNGate

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

En 2011 a PlayStation Network estivo fóra de servizo durante varias semanas por culpa dunha vulneración da seguridade dos seus sistemas que facilitou a filtración dos datos dos seus usuarios que parecía estar causada por unha política de seguridade moi deficiente, o que levou a Sony a pedir perdón e tomar medidas para evitar que se volvera a repetir unha situación semellante. Pero desculparse non exime da responsabilidade á compañía xaponesa, e a Oficina do Comisionado de Información (ICO) do Reino Unido decidiu imporlle unha multa por valor de 250.000 libras esterlinas (296.997 euros) por infrinxir a súa lexislación de protección de datos.

Os máximos responsables da división de videoxogos de Sony desculpáronse en rolda de prensa do acontecido coa PSN

A investigación realizada por ICO atopou que o ataque á PlayStation Network podería terse evitado se tivesen o seu software actualizado e os contrasinais fosen almacenados dun xeito seguro, algo imprescindible ao almacenar datos persoais e, especialmente, datos de tarxetas bancarias. David Smith, director de Protección de Datos, chegou a asegurar que “o caso é un dos máis serios dos que nos teñen informado. Directamente afectou a un enorme número de consumidores e púxoos en risco de que roubo de identidade”.
Dende Sony aseguran que van recorrer a decisión da autoridade británica de protección de datos.


Declaracións de David Smith sobre a resolución da ICO

PUBLICIDADE