Samsung terá que pagar 119,6 millóns de dólares a Apple por infracción de patentes

luns, 5 de maio do 2014 Marcus Fernández

Cando en 2012 o proceso xudicial entre Samsung e Apple fixara a sanción que a compañía surcoreana tería que pagar en infraccións de patentes en 1.051.885.000 dólares (que aínda está en proceso de apelación) quedaba claro que as patentes de software (non recoñecidas en Europa) supoñan un atranco moi superior ás súas vantaxes, e nunha nova causa na que Apple reclamaba a Samsung 2.200 millóns de dólares por danos temos que a cantidade queda finalmente en 119.625.00 dólares, á vez que o xurado tamén recoñece que Apple infrinxiu unha patente de Samsung (aínda que desta volta só valorou os danos en 158.400 dólares).
Das patentes comentadas na causa, Samsung só conseguiu demostrar que Apple violou 1 das dúas patentes que denunciou, mentres que Apple conseguiu que se recoñecesen infraccións en 3 das 5 patentes supostamente infrinxidas, que corresponderían ao feito de que en certos dispositivos de Samsung houbese aplicacións que puidesen abrir contidos noutra aplicación a través dunha ligazón, que puidesen desbloquearse mediante un deslizamento na pantalla (neste caso só un grupo reducido de terminais) e o uso da función de autocompletar, patentes que lembremos que non serían válidas en Europa, onde considérase que aceptar patentes deste tipo suporía un importante atranco para a innovación.

PUBLICIDADE