Samsung permite desactivar o botón de Bixby dos seus móbiles de alta gama

luns, 18 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Cando Samsung presentou os seus Galaxy S8 e S8+ sorprendeu por incorporar un botón físico lateral que servía para invocar a Bixby, un asistente que pretendía competir co asistente de Google e Siri de Apple, contando con numerosas funcionalidades que prometen engadir valor de xeito substancial aos dispositivos de alta gama da marca surcoreana, pero que de saída ten un grande problema: o seu sistema de recoñecemento de voz só funciona de xeito oficial en coreano e en probas en inglés americano.
Temos así que tanto so Galaxy S8 e S8+, como o novo Note8, posúen un botón lateral que non só é de discutible utilidade, senón que incluso é unha molestia, xa que ante toques accidentais abre unha aplicación á que o usuario non quere acceder, polo que non eran poucas as queixas ante a presenza de tal botón que no podía desactivarse dun xeito doado, o que levou a que xurdiran aplicacións para desactivar o botón e substituílo por outras funcións como, por exemplo, o asistente de Google.
Ante esta situación finalmente Samsung deu o brazo a torcer, e nas últimas horas distribuíu unha actualización de Bixby que permite desactivar o seu botón exclusivo, de xeito que o usuario pode optar por empregalo ou desactivalo completamente, evitando así as molestias de pulsacións accidentais, pero sen ofrecer un uso alternativo ao botón físico.
Queda agora por ver se nas seguintes semanas dende Samsung optan por permitir que o botón Bixby sexa programable, funcionalidade da que contaron móbiles do fabricante surcoreano no pasado.

PUBLICIDADE