Samsung integrará tradución de chamadas mediante IA nos seus móbiles

venres, 10 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Ao longo desta semana Samsung estivo a presentar en Corea do Sur os seus avances en intelixencia artificial no Samsung AI Forum 2023, onde avanzaron a futura IA Galaxy, tecnoloxía de intelixencia artificial que poderá levarse no smartphone, facilitando, entre outras cousas, que poida realizarse unha comunicación sen barreiras.
Como mostra diso aseguran que próximos teléfonos de Samsung contarán cun tradutor de chamadas en tempo real mediante intelixencia artificial, ou sexa, que integrará a tradución nas chamadas nativas do móbil, sen ter que recorrer a aplicacións de terceiros. Esta tecnoloxía ofrecerá traducións de audio e texto en tempo real mentres se fala, dun xeito tan sinxelo como activar os subtítulos mentres se ve unha serie de televisión.
Tanto a tradución como o resto de funcións da IA Galaxy execútanse no propio teléfono, de xeito que as nosas comunicacións non se compartirán con servizos na nube, mantendo así un grande nivel de seguridade e privacidade.
Entre as tecnoloxías presentadas tamén está Samsung Gauss, un modelo de IA que podería compararse a ChatGPT, que serviría para axudar a redactar documentos, resumir textos ou realizar traducións, así como para tamén xerar e editar imaxes, correndo toda esta tecnoloxía directamente no smartphone.

PUBLICIDADE