Samsung adquire mSpot para reforzar o seu negocio de entretemento móbil

xoves, 10 de maio do 2012 Raquel Noya

A compañía surcoreana de telefonía, Samsung, vén de facerse coa empresa mSpot para poderlle ofrecer a descarga de contidos de entretemento na nube aos seus usuarios, un servizo que viña ofrecendo esta última e que a partir de agora serviralle a Samsung para proporcionarlle unha nova experiencia de uso aos seus clientes.
A operación servirá para estender as solucións na nube e de streaming de mSpot a unha ampla base de afeccionados ao entretemento a nivel mundial, que poderán acceder a servizos de música, vídeo e radio de xeito doado dende os seus dispositivos Samsung.
Samsung Electronics considera que “adquisición de mSpot permitiralle, indirectamente, chegar a un mercado global máis amplo”, grazas ao aumento do seu peso en tecnoloxía na nube e na ampliación de servizos aos seus dispositivos móbiles.
mSpot víñalle ofrecendo a usuarios de smartphones de varias compañías, música, películas e contidos de radio almacenados na nube, que a partir de agora serán de consumo exclusivo para os usuarios de Samsung, ao ter adquirido esta última a totalidade da tecnoloxía, os activos e o persoal de mSpot, aínda que non sabemos a contía investida na operación.
A axencia Yonhap cita a expertos do sector ao adiantar que Samsung “pagou do redor de 10.000 millones de wones (6,76 millones de euros) para facerse co provedor de servizos de entretemento na nube”, porén non é unha cifra oficial achegada por ningunha das dúas compañías implicadas.
A adquisición de mSpot por parte de Samsung prodúcese 11 meses despois de que Apple puxera en marcha o seu propio servizo de contidos na nube, iCloud, polo que o principal competidor de Samsung vai en cabeza na carreira por almacenar os contidos dos usuarios de balde para acceder dende calquera dispositivo eléctrico da firma.

PUBLICIDADE