Salvaterra difunde os tesouros do Miño a través dunha aplicación móbil

xoves, 26 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os días pasados presentouse no consistorio de Salvaterra de Miño unha ferramenta para dispositivos destinada a ampliar e mellorar a información que teñen os visitantes e os residentes sobre o dito río e o rico patrimonio cultural, histórico e natural de ámbalas beiras (a galega e a portuguesa). Trátase da aplicación móbil Río Minho, creada ao abeiro do programa europeo Visit Rio Minho (Interreg España – Portugal) co obxectivo de dinamizar e pór en valor os recursos patrimoniais, culturais, históricos e turísticos que teñen en común ambas marxes do curso fluvial “dun xeito sinxelo e unificado”.
O Concello puxo o foco no carácter innovador e pioneiro da ferramenta, posto que até o de agora non existía nada que tratase deste xeito accesíbel e centralizador a devandita información. O Goberno local tamén salientou a aposta polo turismo que pon en xogo a aplicación, un novo recurso que se une ao resto de accións que está a desenvolver na actualidade o Concello para impulsar o sector en Salvaterra, como por exemplo a instalación de pantallas dixitais ou o propio proxecto europeo Río Miño destino navegable. O Goberno de Salvaterra tamén fixo saber que nos días vindeiros presentarase a nova páxina web local de turismo, “unha ferramenta áxil e útil para todos os visitantes que se acheguen ao noso municipio”.

PUBLICIDADE