Salientan o potencial dos drons no sector agrícola

mércores, 21 de febreiro do 2018 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou esta tarde en Lugo na inauguración do III Simposio Nacional e o I Ibérico de Enxeñaría Hortícola centrado no uso dos drons e satélites en agricultura, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH).
A directora de GAIN presentou neste foro a iniciativa da Xunta de Galicia para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados en Galicia, que está mobilizando 150 millóns de euros de capital público e privado, cun dobre obxectivo: situar Galicia como referente a nivel internacional no ámbito da I+D+i neste terreo e optimizar a prestación de servizos públicos a través da innovación.
«O uso de solucións tecnoloxicamente avanzadas, como os desenvolvementos que se realicen para mellorar a prestación de servizos públicos a través de drons nesta iniciativa, poden contribuír ao desenvolvemento do sector primario na nosa Comunidade», subliñou Argerey. De feito, unha das prioridades da política de innovación da Xunta é, pola súa importancia, a modernización dos sectores primarios a través da innovación, tal como recolle o reto 1 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).
Neste senso, lembrou que hai dez licitacións en marcha no ámbito da compra de solucións innovadoras para a mellora na prestación de determinados servizos públicos a través de drons, co cofinanciamento de Fondos FEDER a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e empregando a fórmula da Compra Pública Innovadora. Destas dez licitacións, Argerey destacou catro que poden ser de especial interese para o sector agrícola: a contratación de solucións para a xestión e o control forestal mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados (publicada no DOG de hoxe) e as tres licitacións convocadas pola AMTGA para automatizar o sistema de control das axudas da Política Agraria Común (PAC).
Paralelamente a estas licitacións, a Xunta, en colaboración cos socios tecnolóxicos Indra e Babcock, está a desenvolver un programa de I+D, que xa está xerando 190 empregos de alta cualificación, 20 proxectos e a participación neles de 18 empresas e centros de coñecemento con contratos por valor de 18 millóns de euros.

PUBLICIDADE