Sage abre na Coruña unha xira estatal de presentación de novos servizos

venres, 14 de marzo do 2014 Redacción

José María Raventós, director de Contas de Sage

Sage, empresa centrada en solucións e servizos tecnolóxicos de xestión, vai pór en marcha un itinerario de presentacións e obradoiros por toda a xeografía estatal. Dáse a circunstancia de que o punto de partida elixido para o roadshow é a cidade da Coruña, o vindeiro 18 de marzo. A cita, na que Sage informará aos despachos profesionais locais sobre cuestións relacionadas cos cambios na Renda e outras máis ligadas aos seus produtos produtos e solucións, conta co patrocinio de Grupo Francis Lefbvre, HP, Intel, Microsoft e Ono.
No encontro, a compañía presentará a súa ferramenta Sage One Despachos, unha solución que “dá resposta ás necesidades que un asesor ou un despacho ten á hora de optimizar a relación que mantén cos seus clientes, utilizando Internet como a canle habitual de relación no seu traballo diario”, informa a compañía, que tamén salienta o potencial do dito recurso para facer que os profesionais-usuarios interactúen entre eles e poidan comprobar, nun segundo, o estado dos negocios dos clientes. Cousas como orzamentos e facturas enviadas, as vendas realizadas, a información bancaria e toda aquela información necesaria para poder traballar “de maneira rápida e segura”.
O evento na Coruña arrincará ás 16:30 horas do próximo 18 de marzo no Hotel Meliá María Pita (Av. Pedro Barrié da Maza, 1). A cita, ademais de contar con Patricia Cardador, xefa da Oficina Técnica de Inspección en Galicia, disporá da presenza de Ana Isabel Martínez, coordinadora de Produto de Sage, e Joan Celeiro, xefe de Produto de Sage, que explicarán en detalle como funcionan todas as ferramentas da compañía, dirixidas en boa medida “a facer máis doada esta campaña da Renda e Sociedades a despachos e asesorías de Galicia”, engade a firma.

PUBLICIDADE