Safe Creative estréase como unha plataforma gratuíta de rexistro de obras

mércores, 3 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A empresa española Safe Creative pon en marcha un rexistro gratuíto de propiedade intelectual para todo tipo de obras e licenzas que permiten certificar a autoría de blogs, vídeos, libros ou artigos en medios dixitais, no caso de que precise demostrarse no futuro.
A ferramenta permite rexistrar, depositar, certificar e consultar as obras, constando na mesma a data, o autor e os dereitos de uso do material (que poden acollerse a licenzas copyright, copyleft, GNU, Creative Commons...) e o autor poderá empregar un logotipo cun número de rexistro para as súas obras (tanto físicas como electrónicas).
Para facer máis doada a operación mesmo crearon un engadido para Wordpress que permite que os blogs publicados mediante esta ferramenta poidan rexistrar os seus contidos de xeito automático, o que no futuro se podería espallar a outras plataformas.
A solución de Safe Creative aínda non ten un modelo de negocio establecido, e sostense en tecnoloxía de NTT Europe Online, pero o que xa se coñece é que tralo seu lanzamento en España estudan dar o salto ós EE.UU.

PUBLICIDADE