Sae a primeira versión candidata do Firefox Mobile para Maemo

luns, 4 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Despois de moitos meses de desenvolvemento, a versión móbil do navegador web Firefox comeza a dar os seus derradeiros pasos de cara ao seu lanzamento oficial, e para celebrar a entrada do aninovo estrean a primeira versión candidata do Firefox para Maemo, ou sexa, para dispositivos coma o Nokia N900 ou N810, que poden incluso descargar unha versión en galego da prometedora aplicación.
A versión móbil do Firefox está moi avanzada na súa versión para Maemo, pero tamén está en desenvolvemento outra para terminais con Windows Mobile, mentres que o iPhone quedaría fóra por mor da política de Apple contra a aceptación de aplicacións que teñan as mesmas funcións que as que veñen de serie no seu móbil.
A RC1 de Firefox Mobile fai uso do mesmo motor que a versión de escritorio do Firefox 3.6, pero inclúe numerosas características pensadas para optimizar a súa experiencia de uso en dispositivos móbiles e gozando dunha interface pensada para pantallas táctiles. Un produto de software realmente completo e potente que agradecerán os usuarios afeitos ao Firefox que queiran levar o seu navegador web no peto.

PUBLICIDADE