Sae á luz Fonyou.com, o operador móbil para a era Internet

xoves, 27 de marzo do 2008 Raquel Noya

FonYou, o Operador Móbil Virtual (OMV) Puro, con infraestrutura tecnolóxica propia, vén de asinar un acordo con Telefónica para o seu lanzamento en España a finais deste ano como operador independente para -nunha segunda fase-, emprender o seu espallamento no eido internacional en Europa e Latinoamérica.
O devandito operador introduce un novo modelo de telefonía móbil baseado en servizos web de uso doado e de “gran valor engadido para os usuarios” e lanzará unha innovadora oferta de servizos que (en palabras da empresas) “mudará o xeito de empregar o teléfono móbil por parte dos internautas”.
FonYou.com está a preparar o lanzamento dos seus servizos de telefonía móbil para finais deste ano e, logo da sinatura do acordo con Telefónica, a compañía con sede en Barcelona, lanzará unha oferta que integrará servizos web con telefonía móbil tradicional para ofrecer “máis comodidade e control aos seus usuarios”.
Segundo os máximos responsables de FonYou, “será o cliente e non o operador o que teña o control dos servizos do seu teléfono móbil e non haberá ningún tipo de atranco para realizar todo tipo de xestións incluíndo darse de baixa”.
A atención ao cliente, din, distinguirase por ser “proactiva e de calidade”. A ver se é certo e os máis de 22 millóns de usuarios de Internet en España podemos acceder a unha telefonía de calidade sen vendernos á firma.

PUBLICIDADE