Sabón acolle o día 30 un foro sobre a sala de cinema do futuro

venres, 23 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O Máster en Produción e Xestión Audiovisual vai organizar o vindeiro 30 de abril unha actividade divulgativa sobre o futuro do cinema como acubillo para o desenvolvemento tecnolóxico e comunicativo. A actividade, que se celebra no Museo da Prensa de La Voz de Galicia (Sabón, Arteixo) a partir das 10.00 horas, desenvólvese co seguinte epígrafe: As salas de cinema e os espazos públicos como pantallas de acontecementos en directo: unha nova forma de explotación comercial para o sector audiovisual?
O foro contará coa presenza de Ángela Álvarez Rilla, produtora executiva e responsable da área fílmica do Teatro Real de Madrid e, durante oito anos, produtora executiva de Opus Arte (Reino Unido), empresa ligada á BBC e propiedade do Royal Opera House-Covent. Durante a súa intervención, está previsto que Álvarez Rilla avalíe polo miúdo os novos contidos para salas de cinema, os novos espazos de proxección e as posibilidades da tecnoloxía en tres dimensións (3D). A inscrición na actividade divulgativa é de balde.

PUBLICIDADE