SOGAMA ampliou con presenza en LinkedIn a súa acción en redes

luns, 8 de outubro do 2018 Redacción

SOGAMA, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, incrementou este verán que deixamos atrás a súa presenza nas redes sociais. Máis polo miúdo, ampliou os seus horizontes dixitais (xa abertos previamente coa súa experiencia en Facebook e Twitter, nas que conta con 6.700 seareiros) cunha presenza propia en LinkedIn. Nesta comunidade dixital SOGAMA quere “iniciar unha aventura nova coa que establecer e afianzar contactos con profesionais e empresas do sector ambiental no seu conxunto, pertencentes a ámbitos como a sustentabilidade, a economía circular, as renovábeis, o solo ou a auga.
A dirección de SOGAMA fixo saber que se ben a actividade desenvolvida en Facebook e Twitter céntrase en divulgar información sobre xestión sustentábel de refugallos urbanos “dende unha dimensión educativa e pedagóxica”, o labor xerado en LinkedIn (baixo o lema Comprometidos coa innovación ambiental en Galicia), ten un perfil máis técnico, buscando uns sectores profesionais máis especializados cos que “intercambiar coñecementos e experiencias, abrindo mesmo a porta a accións conxuntas no ámbito da investigación, o desenvolvemento e a innovación na nosa comunidade”.
Xunto coa súa páxina web www.sogama.gal, as redes sociais constitúen o outro gran escaparate das actuacións que esta empresa pública leva a cabo para contribuír a “unha xestión ambiental máis eficaz e eficiente dos refugallos urbanos e, por suposto, máis comprometida co presente e futuro de Galicia”. E todo iso, engade a sociedade medioambiental, “sen perder de vista o marco global no que desenvolve a súa actividade, que non é outro que o definido pola economía circular, priorizando sempre o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de refugallos en orixe, o apoio ao ecodiseño, a reutilización e a activa participación na reciclaxe e, por suposto, propiciando a transformación de residuos en recursos”.

PUBLICIDADE