SIVSA creará a tecnoloxía para os orzamentos participativos de Lugo

mércores, 1 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

SIVSA, histórica empresa TIC galega (foi fundada en 1987), vai ser a encargada de achegar o alicerce tecnolóxico integral da política cidadá e transparente do Concello de Lugo. Así nolo conta a empresa tecnolóxica con sede en Vigo, que sinala que o Goberno lucense apostou por ela para a posta en marcha da plataforma tecnolóxica que permitirá a presentación, validación, votación e xestión da execución dos seus orzamentos participativos de 2018, un sistema polo que os cidadáns poderán decidir unha parte (350.000 euros) dos recursos municipais.
O sistema deseñado por SIVSA ten catro fases. A primeira vén de iniciarse e remata o vindeiro 9 de setembro, e é na cal os cidadáns poden presentar as súas propostas, tanto por vía telemática (a través da web https://loop.lugo.gal) ou de maneira presencial no rexistro do Concello, tendo neste último caso como límite o 7 de setembro. Segundo informa SIVSA, os traballos poñen en xogo unha gran novidade respecto doutras iniciativas semellantes: para presentar a proposta non é estritamente obrigatorio estar empadroado na cidade, senón ter vencellos con ela.
Trala presentación, un equipo técnico avaliará a súa viabilidade técnica e económica, na que se terán en conta aspectos como que cada un dos proxectos non poderá supor un investimento superior aos 15.000 euros.
Logo deste paso, entrarase na terceira fase, na que os cidadáns votarán a través da mesma web os proxectos que serán executados. Neste caso, só poderán participar os cidadáns censados en Lugo e maiores de 14 anos, e será o Concello o que anuncie no seu día o inicio do prazo de votación e a súa duración. Máis tarde, e como cuarta e última fase, virá o período de execución.
SIVSA, ademais de deseñar e personalizar a plataforma, supervisará o desenvolvemento de todo o proceso telemático e a resolución de posíbeis incidencias, colaborando en todo momento co Concello.

PUBLICIDADE