SISTEDES pon o foco no importante talento tecnolóxico feminino galego e estatal

mércores, 7 de setembro do 2022 S. P.

Esta semana, até hoxe mércores, estase a celebrar en Santiago o congreso SISTEDES-2022, impulsado dende o CiTIUS (Universidade de Santiago). Na inauguración, celebrada este luns 5, participaron o reitor Antonio López, o co-presidente do comité organizador do evento e profesor da USC, José M. Cotos Yáñez, e máis o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen destacaron que ámbalas dúas entidades (USC e Deputación) comparten o obxectivo de “atraer e reter talento en Galicia” e de poñer o foco en visualizar o importante traballo investigador das mulleres. Esta vontade de afianzar a canteira tecnolóxica da nosa terra e mostrar os achados tecnolóxicos femininos foi tamén un dos obxectivos de SISTEDES.
O congreso da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software é un encontro de carácter anual centrado en tres grandes áreas da informática: Enxeñaría de Software e Bases de datos, Ciencia e Enxeñaría de Servizos, e Programación e Linguaxes. As xornadas, organizadas polo grupo de Gráficos por Computador e Enxeñaría de datos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), reúnen estes días a 250 integrantes dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como a alumnado e representantes de empresas e sector público.
O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López, quen salientou o rol do CiTIUS como “exemplo de investigación no eido da investigación en tecnoloxías intelixentes”. O reitor subliñou que un dos retos ante os que se atopa a Universidade consiste en “trasladar o coñecemento á realidade, ás empresas” e así poder “xerar riqueza e mellorar as condicións de vida dos e das cidadáns”. Antonio López tamén dedicou parte da súa intervención a reivindicar “perspectiva de xénero nas disciplinas STEM”, eido no que “temos camiño por percorrer”, dixo.
Nesta mesma liña, pronunciouse o co-presidente do comité organizador do congreso e profesor da USC, José M. Cotos Yáñez, quen tamén salientou a necesidade de “outorgar visibilidade ás mulleres neste ámbito”, matizou. Neste punto encadráronse as mostras que puideron visitarse no congreso e que levan por título Pioneiras científicas e Científicas cerca de ti.
Pola súa banda, o presidente da Deputación cualificou o congreso como "un espazo no que se concentra talento nacional e internacional, que fomenta a posta en común e o intercambio científico" e destacou a importancia de "atraer e reter talento en Galicia, que o hai e moito". O presidente provincial explicou que "para nós é imprescindíbel visualizar o voso traballo, transmitirvos o noso agradecemento e darvos a relevancia e o recoñecemento que merecedes porque sodes a luz e a guía deses rapaces e rapazas que aspirarán a quedarse a traballar na súa casa, na súa contorna familiar, e non ter que ver medrar a sangría que suma xa a 87.000 rapaces de menos de 35 anos que se foron deste país e que xa só ven Galicia como un territorio ao que volver no Nadal".
Amais de López, Cotos e González participaron no acto inaugural o presidente de SISTEDES e catedrático da Universidade de Sevilla, Antonio Ruiz Cortés; o vicepresidente de SISTEDES, Juan Hernández; e a directora xeral de estratexia de Plexus Tech, Silvia Fraga.
Simposio anual de tres xornadas
O simposio arrincou o luns 5 de setembro no Hotel OCA Porta do Camiño ás 9:00 co acto de apertura oficial. Ao longo do evento estanse a presentar 154 traballos científicos perante a comunidade investigadora.
O simposio inclúe tres conferencias plenarias (unha por área), a cargo de reputados investigadores de talla internacional: Robert Feldt (JISBD), profesor de Enxeñaría de Software na Universidade Tecnolóxica de Chalmers, Gotemburgo (Suecia); Uwe Zdun (JCIS), profesor de arquitectura de software na Facultade de Informática da Universidade de Viena (Austria); e Manuel Hermenegildo (PROLE), profesor da Universidade Politécnica de Madrid e investigador distinguido no Instituto IMDEA-software.
Así mesmo, as xornadas contan tamén co respaldo do sector e co apoio de empresas tecnolóxicas como Accenture, Plexus Tech e Televés (principais patrocinadoras) e o Clúster TIC Galicia.
As xornadas SISTEDES levan realizándose de maneira ininterrompida con este formato desde o ano 2001, En palabras do CiTIUS, son “un referente e constitúen un punto de encontro esencial a nivel nacional entre a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software”. Trátase, engade o centro compostelán, “dun espazo para a posta en común e o intercambio científico”, auspiciado por la homónima Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES); unha asociación sen ánimo de lucro creada co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico a nivel estatal na área da Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa, para o avance destas disciplinas.

PUBLICIDADE