SIGRE divulga a figura da farmacia respectuosa co medio ambiente cunha infografía interactiva

luns, 3 de xuño do 2019 Redacción

Xuntar forzas contra o cambio climático e buscar respostas, tamén, na innovación, na sustentabilidade e no coñecemento. Este é un dos grandes obxectivos de SIGRE, unha entidade farmacéutico-medioambiental que aposta pola reciclaxe como fórmula axeitada e eficaz para contrarrestar a destrución do planeta, poñendo o foco nos produtos que lle tocan de preto: os relacionados coa saúde, a medicina e os coidados.
Esta mañá os responsábeis da entidade estiveron na sede do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña para visualizar as vantaxes dun correcto tratamento do material farmacéutico desbotado e, tamén para mostrar os resultados ambientais alcanzados por SIGRE en Galicia. Neste punto, a entidade salientou que as galegas e galegos fomos quen de reciclar, o ano pasado, preto de 322.500 quilos dos devanditos refugallos.

A ecoFARMACIA é unha infografía interactiva publicada por SIGRE para dar conta de como coidan do medio ambiente dende as farmacias

O encontro contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña, Héctor Castro, e o director xeral de SIGRE, Juan Carlos Mampaso, quen tras o repaso da situación da reciclaxe de medicamentos en Galicia quixo salientar a creación dun micrositio web no que recollen 77 boas prácticas para coidar do medio ambiente dende a farmacia a través dunha atractiva infografía interactiva.

Juan Carlos Mampaso, director xeral de SIGRE, asegurou que Galicia é «a cuarta comunidade autónoma con habitantes que contribúen en maior medida á correcta reciclaxe» de envases e restos de medicamentos

Salientaron que a nosa terra atópase entre as comunidades con meirande taxa de reciclaxe en envases de medicamentos a través dos puntos SIGRE, en boa medida polo feito de que o programa piloto desta iniciativa desenvolveuse na provincia de Ourense, de xeito que o noso territorio ten carácter pioneiro. Para facernos unha idea, durante o pasado ano rexistramos unha recollida media de 120 gramos de recipientes baleiros ou con restos de produtos por habitante, 15 puntos por riba da media española.
Na sesión cos medios, Ángeles Vázquez explicou estes bos resultados son «a mellor mostra» para afirmar que o traballo que se está a levar a cabo con todos os axentes do sector farmacéutico (farmacias, colexios oficiais de farmacéuticos, distribución, laboratorios, Asociación Española de Medicamentos Xenéricos...) é «o correcto para acadar os obxectivos principais e compartidos por todos, como é afianzar nos fogares o hábito de reciclar os medicamentos e de usalos con responsabilidade, para non xerar residuos innecesarios».

PUBLICIDADE