SCM (Segundamano.es) merca Milanuncios.com por 50 millóns de euros

xoves, 13 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O mercado dos anuncios clasificados mudou moito nos últimos anos coa entrada da Internet no negocio, de xeito que agora a Rede é a súa principal plataforma o que levou ao grupo noruego Schibsted Classified Media (SCM), propietario de Coches.net, Segundamano.es, Fotocasa.es e InfoJobs.net, a adquirir Milanuncios.com, unha das principais páxinas web de anuncios en España, por 50 millóns de euros, incorporando tamén ao fundador de Milanuncios como accionista minoritario da filial española de SCM en España (cunha participación do 10%).
Milanuncios.com presume dende finais 2012 de ter dobrado en visitas a Segundamano.es, polo que esta operación parece unha medida destinada a que SCM poida manter a súa cota de mercado en España, para o que manterá en funcionamento ambas plataformas de publicación de balde de anuncios.
Segundo datos de OJD, Milanuncios.com conta actualmente con 17 millóns de usuarios e máis de 60 millóns de visitas mensuais, volume realmente importante, que fainos entender que o salto ao dixital está a dinamizar enormemente este sector.

PUBLICIDADE