Rumoréase que Apple podería mercar Twitter e Electronic Arts

martes, 5 de maio do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos meses a Twitter non paran de saírlle mozas, e tras rumorearse que empresas coma Facebook, Google e Microsoft poderían adquirir o servizo de microblogging agora apuntan a que Apple podería pagar 700 millóns de dólares pola compañía e anunciar a adquisición na Worldwide Developers Conference do vindeiro 8 de xuño, o que non deixa de ser unha elucubración, pois outras fontes aseguran que as negociacións non están tan avanzadas, e Apple simplemente amosaría certo interese en Twitter.
Pero a adquisición de Apple que si podería ser moi relevante sería a de Electronic Arts, pero os analistas pensan que tal rumor podería carecer de toda base, e consideran que á compañía de Cupertino podería compensarlle mercar algunha grande discográfica como a Warner antes que meterse no mercado dos videoxogos, pero vendo o ben que funcionan os xogos no iPhone podemos entender que Apple estude entrar no sector da produción de videoxogos.
Haberá que agardar semanas para ver se algúns destes rumores chegan a algo, pois o inicio de conversas entre compañías non implica que se pechen as operacións de fusión entre as mesmas.

PUBLICIDADE