Rubén Cela salienta o potencial do Proxecto Nós para garantir o futuro dixital do galego

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

A sede na Coruña da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda acolleu unha actividade tecnolóxica abeirada ao ciclo Pensando o futuro: a conferencia Intelixencia Artificial e as novas tecnoloxías lingüísticas: oportunidades para a lingua galega, impartida por Rubén Cela, actual director da Oficina Técnica do Proxecto Nós, proxecto para incrementar a presenza do galego no panorama actual da IA, impulsado pola Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Santiago. A sesión foi presentada pola catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña (UDC) Nieves Rodríguez Brisaboa.
Segundo explicou Cela, Nós defínese como un “proxecto inédito en Galicia que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en lingua galega.”
En termos máis concretos e prácticos, o obxectivo central do Proxecto Nós é “promover a presenza dixital do galego, garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade que serán postos, de xeito gratuíto, a disposición de calquera institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego”, sinalou o relator, engadindo que con estas liñas de traballo búscase garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no mundo dixital e contribuír á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen a lingua galega.
Rubén Cela sinalaba os seguintes entre os obxectivos xerais do Proxecto Nós: “Crear os medios dixitais necesarios para que o galego prospere como lingua viva na era dixital, deesenvolver recursos e ferramentas para o procesamento automático do galego e distribuílos baixo licenzas libres, elaborar demostradores que permitan visibilizar as posibilidades dos recursos, facilitar que empresas e institucións desenvolvan casos de uso, e crear un ecosistema galego innovador arredor das tecnoloxías da linguaxe.
Para Rubén Cela, Nós tamén é destacábel porque “vai impedir a morte dixital do galego”, e porque aglutina en si mesmo “o meirande investimento directo para a promoción da nosa lingua na historia”. Ademais, dixo, todos os resultados serán en aberto e gratuítos e terá unha menor obsolescencia que outro tipo de proxectos tecnolóxicos.
O 5 de xuño de 2023 o proxecto Nós lanzaba as tres primeiras ferramentas que posibilitan a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos: o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galiza, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego.
Rubén Cela pechou con esta sesión o ciclo Pensando o futuro na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
Cela tamén lembrou Nós recibe a través da USC 2 millóns de euros do PERTE Nova Economía da Lingua para o período 2023–2025.

PUBLICIDADE